miércoles, 17 de agosto de 2016

O patio

O patio

I

Inverno

Previsión de temporal.

Dous meniños xogamos na chabola onde nosa nai ata as redes xunto con outra ducia de atadeiras. O noso avó entralla os panos no chumbeiro e na cortizada.

Fora, inverno. Choiva de suroeste no vidro.

Dentro, gardería.

A pilla de volantas, peirao. As canastras de láminas de madeira, barcos.
No mar segredo do curruncho da escaleira agóchanse as lagostas.

Hoxe non hai lance. Avó amósanos un caldeiro cheo de agullas de entrallar baleiras.

—Sen deixalas frouxas!

As de atar énchenas Avoa. Súas mans, invisibeis; seu audífono nos amores mariñeiros das atadeiras mozas.

Nai sintoniza o radio de lámparas. Pousan agullas e redes. Agardan, derredor, á voz do noso pai na conversa cos outros barcos: proba da normalidade entre as ondas.

Silencio. Interferencias na frecuencia.

A borrasca bate con furia na chabola Chía o vento.

Quilla ó Sol na canastra. O avó arremuíña a boina. Tríncanos contra seu peito ó carón do radio.

3370 KHZ. Pai soa forte, grave, “…tamén falei co “Xenete”. Coma nos, están capeando sen novidade. Cambio”

Nai chora.

"Están ben, raparigha".

“Si, oise sereo"

Nai ri.

Fuximos do temporal de bicos das atadeiras. Un alalá surxe a ritmo de “voltas de escota”.

O avó funga.

Volta a gardería.

Clase de matemáticas: a contar mallas.

II

Verán

Nordés

Na devalada do amencer

reflota na praia do cangrexal.

Nao esculpida por Tritón,

na frecuencia de enchentes e devalantes,

para ilembrabeis xeracións mariñeiras.

Embarcamos.

Ninguén na escola nos botará en falla.

Enchen as augas:

embisten nas amuras firmes na Terra;

imos rumbo hacia un océano nai.

Non é o día dos palangres,

tampouco das peixadas.

—A estribor!

—As baleas!

Onde a praia se perde

atopámonos con Altair.

Mergullo co cativo da familia,

nos segredos oceánicos

da súa última viaxe.

Morre a ledicia, a Lúa,

polo home,

cun lañazo perto da dorsal.

Bágoas de balea que estremecen as ondas.

Dende a beira:

—Rapaces!

Gabeamos abordo como o que afoga.

Naufraxo;

a maréchea sumerxe o pecio

e para sempre as rutas de Altair.

Poema escrito por Joaquín Cadilla y ganador del Primer premio en el XXX certamen de poesia Feliciano Roldán, organizado por la Agrupación Cultural Guardesa. ¡Enhorabuena compañero!





No hay comentarios:

Publicar un comentario