sábado, 28 de febrero de 2015

Hélice: empurrando cara adiante

Pretendía deixalo para máis adiante. Pensaba escoitar só rock e música clásica ata que pasara un tempo no mar. Desexaba manter o lume afogado, aló lonxe, dentro do cuarto escuro, no fondo, onde non esperta a dor, onde consigo mantela encadeada. Imaxineime duro coma unha pedra antes de que miles de millas nos quentaran o lombo. Pero non foi así. Na soidade da ponte a horas de sair para o mar, por descoidado ou por buscalo (non o teño craro), puxen no mp3 Luar na lubre. Todo estoupou a través da Terra e quixen ser o neno da Cantiga de berce e durmir durante os próximos dez meses.

A morriña, as brasas do amor, o sorriso dos amigos, as bágoas compartidas, as festas arredor do lume, as palmas que acompañan as pandereteiras coma a miña nai...todo xurdiu da nada, manifestándose cos acordes da nosa música. Lubrián! díxenme cun berro.

Xa o mar vai ser o noso mensaxeiro día e noite e vainos facer sentir o pálpito da nosa Terra a sua maneira: con intensidade crecente. Achegaranos os sons e os sabores no medio das ondas, no salseiro da proa, cos chimparrazos no costado. No refrexo da luz da lúa nas suas augas poderemos ver apoiada nunha fiestra coa vista perdida no mar a metade que nos falta, a conversa duns amigos que se preguntan  cando voltaremos, as bágoas dunha gaita saíndo polo seu punteiro.

Isto, ademáis de traballos e noites sen durmir, será o que nos dé o mar nos próximos meses e tentarei contárvolo da maneira que sei: como mariñeiro. Espero que sexa un relato que achegue o mar aos que non o coñecen dende dentro e unhas estoupidas de auga salgada para os compañeiros que estén en terra. Será unha marea longa, como tantas que se encontran en curso neste momento por todo o mundo. Cambiaremos de Océano pasando polo Estreito de Magallanes hacia o Pacífico, polo que estamos discutindo a bordo entre a tripulación se temos que poñer a argola na orella ou no nariz (aínda non hai acordo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario